
Manuel Chaves González, naceu en Ceuta o 7 de xullo de 1945 e é doutor en Dereito pola Universidade de Sevilla, onde exerceu como profesor non numerario antes de aprobar a súa tese doutoral e obter praza de titular, primeiro en Bilbao (1975-1977) e despois na Facultade de Dereito de Córdoba.
Presidente da Junta de Andalucía desde o 27 de xullo de 1990 ata o 7 abril de 2009, cando tomou posesión como Vicepresidente terceiro do Goberno e Ministro de Política Territorial. Esta é a segunda etapa de Manuel Chaves como membro do Goberno de España, xa que entre 1986 e 1990 ocupou o cargo de ministro de Traballo e Seguridade Social.
Desde 1990 ata a súa incorporación ao Goberno foi tamén parlamentario na Cámara andaluza pola provincia de Cádiz, circunscrición á que anteriormente representou como deputado no Congreso (1977-1990).
Militante do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e da Unión Xeral de Traballadores (UGT) desde 1968, Manuel Chaves participou na reconstrución destas dúas organizacións en Andalucía durante o franquismo e a transición á democracia. Entre 1981 e 1986 foi membro da Comisión Executiva Federal do PSOE, posto que volveu ocupar entre 1990 e 1994.
En xullo de 2000 foi elixido presidente do PSOE e desde abril de 1994 ata o pasado 12 de marzo ocupaba tamén a Secretaría Xeral deste partido en Andalucía. Na súa faceta sindical, foi membro da Comisión Executiva Confederal da UGT entre 1976 e 1986.
Como Ministro de Traballo e Seguridade Social, Manuel Chaves impulsou o proxecto da Carta Europea dos Dereitos Sociais Fundamentais dos Traballadores e a aprobación de normas como a Lei de Cooperativas, a Lei de Aplicación do Descanso por Maternidade, a Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social, a Reforma do Financiamento da Seguridade Social e a Lei de Prestacións non Contributivas, entre outras.
Durante a Presidencia de Manuel Chaves da Junta de Andalucía a comunidade andaluza experimentou un intenso proceso de modernización e converxencia económica co resto de rexións europeas. A ampliación do Estado do Benestar, cun importante bloque de medidas sociais, e a aprobación do novo Estatuto de Autonomía foron tamén elementos destacados da súa etapa ao fronte do Goberno autonómico.